Neste programa de ESFRadio quixemos chamar a atención sobre un tema do que non se soía falar demasiado nos activismos tradicionais: os coidados das persoas activistas. Cando o obxectivo é defenderse dunha ameaza concreta e acuciante, a cousa convírte...

Neste programa de ESFRadio quixemos chamar a atención sobre un tema do que non se soía falar demasiado nos activismos tradicionais: os coidados das persoas activistas.

Cando o obxectivo é defenderse dunha ameaza concreta e acuciante, a cousa convírtese nunha guerra, cos seus códigos e xeitos de organizarse e actuar. O obxectivo final é claro, e todos os recursos se poñen ao servizo de acadar ese obxectivo. As formas, o como traballar e organizarse, quedan aliñados só con vencer nesa loita. Este enfoque (moi vinculado ademais á masculinidade tóxica), é irremediablemente incompatible co benestar das persoas que, no caso do activismo, soen ademais estar colaborando no seu tempo libre (non é o mesmo que nos exércitos, onde sóese estar por obligación ou coacción, ou en traballos alienantes, onde sóese estar por necesidade perentoria).

Ás veces hai hiper-liderados que tiran moito pero outra xente non da seguido o ritmo e se desengancha. Outras veces as persoas que máis lideran teñen moita sobre-exposición, que afecta á súa vida persoal e laboral (e mesmo ás veces como foco de ameazas ou acoso, cando non cousas peores). Tamén pode ocorrer que as persoas que soen estar no núcleo máis activo poden sentirse soas ou non entender os ritmos máis lentos ou discontinuos das outras persoas… Como lidiar con isto? Como podernos coidar mentres coidamos o territorio? É importante mellorar os espazos de coidados? Como facelo? Que podemos aportarlles as asociacións máis xeneralistas como ESF, que podemos permitirnos facer un activismo máis “slow” ou menos acuciante?

Quixemos falar de todo isto cunhas compas ás que xa nos une un tempiño de colaboración e coñecemento mútuo. Estivemos con Maruxa de Colectivo do Vento de Campolameiro, Roberto tamén de Colectivo do Vento e tamén da nosa base social e Isabel da Plataforma Mina Touro-O Pino Non. Con Sergio lanzando preguntiñas e Jorge á produción, pasamos un rato agradable nunha contorna moi linda, na praia fluvial da Tarroeira, ás beiras co río Tambre, en O Pino.

E rematamos cunha visita ao redor da zona cero da mina Touro-O Pino, onde entendemos aínda mellor o conflicto que se está a vivir.

▶️ ESCOITA O PROGRAMA AQUÍ:

Aquí todo vai máis amodo. Penso que non é só a calor —aínda que tamén—, senón outro xeito de vivir o tempo, de entendelo, de sentilo. Ao principio custoume coller o paso, desacelerar, mirar arredor sen présa. Pouco a pouco vou soltando esa ansia de p...

Aquí todo vai máis amodo. Penso que non é só a calor —aínda que tamén—, senón outro xeito de vivir o tempo, de entendelo, de sentilo. Ao principio custoume coller o paso, desacelerar, mirar arredor sen présa. Pouco a pouco vou soltando esa ansia de produtividade que dende hai tempo me acompaña, esa necesidade constante de facer, de rendir. E con ese soltar, vou percibindo outras cousas que me rodean: o grande estrondo que fan os mangos ao caer enriba das chapas dos tellados, o cheiro mesturado da gasolina dos motores co fume das queimas de lixo e co arrecendo da comida preparada na rúa, o sabor intenso das froitas, as cores vivas dos murais de recunchos e paredes, o saúdo agarimoso duns ollos mate que brillan dende o interior, a conversa dun almorzo compartido.


Nestes outros ritmos, hai tempo para bromear coas compañeiras, pero tamén para preguntarlles como están. Para pararse de camiño de volta dunha saída para coller elotes e compartilos. Hai tempo para pensar, vivir e construír en colectivo.


As persoas e comunidades que vou coñecendo recíbenme cunha amabilidade que abraia, con xenerosidade sincera e os brazos abertos. Compartindo o que saben e o que teñen. Dóeme contrapoñer esta vivencia coa das persoas que migran a España e que resisten día tras día miradas hostís, violencia e desconfianza. Todo o que queda por mudar.


Aquí non todo é doado. Honduras é tamén un espello incómodo no que me vexo reflectida. Porque hai moita beleza, si, pero tamén moita dor e inxustiza. Crianzas traballando dende a mañá ata a noite, a vergoña dun curileiro que agocha as súas curtidas mans, bolboretas que revolotean entre plásticos e residuos. A pobreza e vulnerabilidade son rostros, son historia, son supervivencia diaria. E, aínda así, a vida rebenta en cada recuncho.

Como poden coexistir tanto amor e tanta agresión? Como se sostén a esperanza cando o sistema non ampara e as empresas depredadoras ocupan o seu lugar? A recente xuntanza coa empresa DINANT, tan disposta a financiar solucións para os pescadores, foi unha lección de complexidade. Porque, si, hai necesidades urxentes. Pero… a que prezo se resolve a fame cando quen a mitiga é tamén quen a xera?

Todo isto lévame a mirar o pasado —non un pasado remoto, senón aínda un presente—. Porque o impacto da colonización aquí non rematou; segue a vivir nas estruturas, nas necesidades xeradas, nos territorios arrebatados, nas culturas machacadas, nos nomes das crianzas. Mesmo no abandono do sitio arqueolóxico El Chilcal vin esa ferida aberta: a historia máis antiga do país, esquecida, mentres se glorifican outras memorias.


E, aínda así, a cultura catracha resiste. No sabor do peixe frito con tajadas, nas liras que viran e soan a ritmo de punta, as lideresas comunitarias que fan da súa casa un espazo de encontro e organización.


Durante estas semanas tiven a sorte de acompañar varias saídas de campo que me están permitindo coñecer en profundidade o territorio e ás súas xentes: a comunidade de Las Pelonas, onde nos xuntamos con infancia e adolescencia para impulsar unha rede xuvenil da illa de Amapala; o Instituto Julia Zelaya (Monjarás), onde falamos co alumnado sobre a protección das tartarugas golfinas; Punta Remolino, un paraíso natural para a vida onde conflúen minerais das augas dos manglares, da auga de río e do mar aberto, pero que está fortemente ameazado (e con el os pescadores artesanais e familias que viven do mesmo) polas técnicas destrutivas amparadas polo sistema; Los Delgaditos, onde traballamos guiadas
por Doña Silvia nun viveiro de manglar vermello; ou a praia de Cedeño, punto 0 na afectación do cambio climático, onde o nivel do mar xa cubriu máis de 3 cuadras da comunidade e as marejadas fan desperfectos de xeito continuado.


Esta experiencia estame agasallando a oportunidade de coñecer este territorio dende dentro: amable, diverso, rico, contraditorio, cunha cultura que late con forza e paixón. E no que cada encontro, por pequeno que pareza, ten a capacidade de transformarme.