Enxeñería Sen Fronteiras Galicia organiza un concurso para o financiamento dun proxecto didáctico en tecnoloxías para o ben común no ensino secundario público, incluíndo FP. A convocatoria enmárcase dentro do proxecto Hackers Sen Fronteiras. Tecnolox...

Enxeñería Sen Fronteiras Galicia organiza un concurso para o financiamento dun proxecto didáctico en tecnoloxías para o ben común no ensino secundario público, incluíndo FP.

A convocatoria enmárcase dentro do proxecto Hackers Sen Fronteiras. Tecnoloxías para o ben común e os Dereitos Humanos no ensino secundario de Galicia, fase 2, financiado pola convocatoria de proxectos de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global 2024 de Cooperación Galega da Xunta de Galicia.

Obxectivo

Promocionar a introdución de elementos e enfoques de tecnoloxía para o ben común e os dereitos humanos en centros públicos de ensino secundario.

A convocatoria ten como obxectivo que se desenvolvan propostas didácticas nas que se dea visibilidade o papel que a tecnoloxía pode ter para transformar o mundo promovendo valores como a igualdade de oportunidades, a re-apropiación tecnolóxica ou a tecnoloxía para os dereitos humanos. A tecnoloxía para o ben común enténdese dun xeito amplo, onde tan importante como o elemento tecnolóxico “duro” é o xeito de manexalo e a reflexión de quen decide sobre a tecnoloxía (o que se adoita chamar gobernanza). 

Quen se pode presentar?

Un ou máis centros públicos de ensino secundario, incluíndo de FP, de Galicia, liderados por unha persoa docente (co equipo de colaboradoras que desexen).

Os únicos requisitos indispensables son que o centro ou centros participantes sexan todos públicos e que a actividade ou proxecto involucren alumnado da Educación Secundaria Obrigatoria ou de Formación Profesional (podendo tamén incluír, a maiores, alumnado de Bacharelato).

Cal é o importe?

O premio deste concurso é dun total de 600€. 

O premio transferirase nun único pago á conta bancaria do centro ao que pertenza a persoa docente responsable antes do 20 de decembro de 2024, para que dispoña dos fondos de xeito anticipado para a realización do proxecto

Cómo participar na convocatoria?

Enviando un correo electrónico a info@galicia.isf.es.

No asunto indicarase CONCURSO HACKERS SEN FRONTEIRAS. 

No corpo do correo-e indicarase o nome do proxecto, o centro ou centros promotores, o nome da docente que encabeza o proxecto e o seu contacto (correo-e). 

Como arquivo anexo ou descargable, enviarase a descrición da proposta, que pode presentarse en formato pdf (sexa texto ou texto acompañado de imaxes ou infografías, cun máximo de 10 páxinas) ou en calquera tipo de formato audiovisual (non superior a 3 minutos de duración). En calquera caso, nesta descrición da proposta debe constar como mínimo:

  • Título do proxecto ou actividade.
  • Centro ou centros involucrados.
  • Profesorado involucrado e departamento/s e/ou materias.
  • Número de alumnas e alumnos participantes (desagregados por sexo) e cursos involucrados.
  • Antecedentes e xustificación do proxecto ou actividade.
  • Obxectivos.
  • Como se lle vai dar difusión e a que grupos (só alumnado participante, todo o centro, participación da ANPA, encontros con outros centros?).
  • Descrición das actividades e produtos esperados e pertinencia con respecto ao obxectivo previsto.
  • Orzamento da proposta e adecuación coas actividades previstas. O centro ou centros poden co-financiar a actividade para chegar a un máximo de 1200 euros (600 do premio e outros 600 doutros aportes que poidan acadar).

Prazo

Pódense presentar propostas até o 4 de decembro de 2024. 

Os resultados do proceso de selección comunicaranse o 13 de decembro de 2024. 

O proxecto seleccionado deberá desenvolverse entre xaneiro e xuño de 2025. Ao rematar o proxecto, deberá presentarse un dossier de execución con material gráfico sobre as actividades realizadas e os produtos obtidos, así como entradas en redes sociais ou outras canles de difusión.

Avaliación

O comité de avaliación estará composto por tres membros do grupo de Educación para a Cidadanía Global de Enxeñería Sen Fronteiras Galicia, polo menos un dos cales será docente en activo de educación secundaria.

Valorarase:

  • O axuste do proxecto ou actividade docente ao concepto tecnoloxía para o ben común e para os dereitos humanos 
  • A viabilidade técnica e económica do proxecto.
  • A implicación de diversos axentes da comunidade educativa e da sociedade do entorno do centro ou centros.
  • A visibilidade da actividade incluíndo as actividades de difusión previstas.
  • O grao de participación e apropiación da actividade ou proxecto por parte do alumnado.
  • Que se desenvolva en centros de ensino de concellos rurais.

Para calquera dúbida sobre as condicións da convocatoria, é posible contactar no enderezo: info@galicia.isf.es co asunto “Dúbida convocatoria concurso Hackers Sen Fronteiras”.

Zaira está a piques de completar a súa estancia de voluntariado técnico en Honduras, apoiando ao equipo da oficina de ESF en San Lorenzo. Déixanos aquí a súa segunda crónica, xa con máis experiencia na zona, na que leva dende setembro. A rutina no mu...

Zaira está a piques de completar a súa estancia de voluntariado técnico en Honduras, apoiando ao equipo da oficina de ESF en San Lorenzo. Déixanos aquí a súa segunda crónica, xa con máis experiencia na zona, na que leva dende setembro.


A rutina no mundo da cooperación é de todo menos rutinaria. De luns a venres, as miñas horas transcorren entre papeis, reunións e planificación na oficina, mais nunca se sabe cando algún imprevisto vai trastocar todo. Esta incerteza, que ao principio pode parecer caótica, é precisamente a esencia deste traballo: estar preparada para o inesperado, buscar solucións rápidas e aprender que a flexibilidade é unha boa aliada.

Recentemente, enfronteime ao desafío da miña primeira formulación para o Concello de Santiago de Compostela. Foi unha experiencia tan enriquecedora como estresante. Os tempos axustados e os inconvenientes imprevistos fixéronme entender que este traballo, a pesar de ter moito de técnico, tamén require unha enorme dose de paciencia e creatividade, moita creatividade.

Mencionar que, partía dunha base elaborada polas miñas compañeiras, cuxo traballo previo facilitou enormemente o proceso. Aínda así, non deixou de ser unha experiencia intensa. Foi un reto que me fixo entender mellor o lado técnico e burocrático deste traballo, pero tamén o nivel de presión baixo o cal operamos.

A política detrás da cooperación:
Outro aspecto deste traballo que non deixa de sorprenderme é a dimensión política. Participar nunha reunión na Oficina de Cooperación Exterior (OCE) en Tegucigalpa foi revelador. Escoitáronse as necesidades das comunidades, pero decateime de que a visión dos coordinadores que raramente pisan o terreo adoita ser moi diferente á nosa, que vivimos as realidades máis de preto. Moitas veces estas visitas non logran afondar na complexidade dos problemas reais.

Durante unha xira de tres días acompañando o embaixador de España en Honduras, así como responsables de programas e coordinador, esta diferenza fíxose evidente. A preparación da visita requiriu un protocolo exhaustivo que, sinceramente, ás veces parece máis un paripé que unha verdadeira oportunidade de transformación. Foi unha mestura de expectativas e reflexións, preguntándome se este tipo de actos realmente benefician ás comunidades ou se quedan nun escaparate político.

O primeiro día da xira levounos ao cerro de Moropocay, unha zona especialmente afectada pola seca. Alí coñecemos a Don Toño e Don Adán, agricultores que traballan na recuperación de sementes autóctonas de millo. Escoitar as súas historias e ver as súas parcelas cheas de vida foi inspirador. Estas sementes, seleccionadas e coidadas co apoio técnico de proxectos financiados pola Xunta de Galicia e a AECID, son unha aposta pola soberanía alimentaria e pola resistencia fronte ao cambio climáticon e ver a implicación destas comunidades deixoume un sentimento de esperanza, de que os pequenos cambios son posibles cando se aposta pola innovación local.

O segundo día trasladámonos ás lagunas de inverno en Namasigüe e El Triunfo. Estas lagunas son unha fonte de vida para trinta comunidades, pero tamén un recordatorio da importancia de conservar os recursos naturais. Foi unha xornada que me fixo pensar no equilibrio entre a conservación ambiental e a supervivencia das comunidades. Nesta visita, acompañounos o embaixador de España en Honduras e pregúntome se o esforzo por axustar axendas, coordinar desprazamentos e cumprir coas expectativas formais achega tanto como debería ás necesidades reais da poboación…

O terceiro día centrouse na inauguración dun sistema de auga en El Sartenejal. Este proxecto, financiado pola AECID, mostra o impacto que unha boa planificación e execución poden ter nunha comunidade. Non obstante, tamén foi unha oportunidade para reflexionar sobre os desafíos aínda pendentes. A alta inflación retrasou a instalación de letrinas, e a detección de metais pesados, polo que nestes casos, decataste de cantos imprevistos poden ocorrer nun proxecto e a necesidade, moitas veces, de que o proxecto sexa a longo prazo.


A tormenta Sara:
Días despois desta xira, chegou a tormenta Sara, arrasando co que atopou ao seu paso. Alertas vermellas, o que pareciame, unhas chuvias normales, chegaron para causar grandes danos. Lembro a visita ás parcelas de Don Toño e Don Adán, en Moropocay, onde mostraron con orgullo o resultado das súas colleitas, froito dun traballo conxunto coas organizacións locais e o apoio técnico de proxectos. Foi desgarrador saber que, unha semana despois, a tormenta Sara arrasaría con todo. A auga non deixou nada en pé, perdendoo todo.

Esta traxedia abriu os ollos á incerteza coa que viven moitas comunidades. Un día celebran os froitos do seu esforzo e ao seguinte enfróntanse á destrución. A resposta humanitaria é “rápida”, pero a coordinación entre actores (ONGD, administracións e comunidades…) ponse á proba. Vivilo de preto fíxome comprender mellor o impacto das emerxencias, pero tamén a importancia dunha cooperación flexible que poida adaptar os seus orzamentos e accións ás novas necesidades.

Entre todo, hai aprendizaxes que quedan: o valor do traballo en equipo, a resiliencia das persoas que o perden todo pero volven comezar, e a necesidade de cuestionar os protocolos que, por veces, parecen alonxarnos máis ca achegarnos. Porque, ao final, o esencial na cooperación non son os actos oficiais nin os informes perfectos, senón estar alí, preto das comunidades, escoitando e aprendendo delas.

Nesta experiencia, cada día aprendo algo novo. Aprendo que a cooperación non é só técnica e financiamento, senón tamén respecto, empatía e capacidade para adaptarse a circunstancias cambiantes. E, sobre todo, aprendo que detrás de cada proxecto hai persoas como Don Toño e Don Adán, cuxa forza e resiliencia nos lembran por que facemos o que facemos.

Dende aquí, dende este recuncho de Honduras, sigo aprendendo a cooperar, a sentir e a entender.

Apertiñas dende San Lorenzo.


Zaira.

FOTO DE PORTADA: en Moropocay escoitando ás produtoras