Onte varias esfeiras estivemos na manifestación en Palas de Rei, convocada pola Plataforma Ulloa Viva, contra a instalación dunha fábrica de celulosa por parte dunha empresa portuguesa, Altri, con outras socias. Case 20.000 persoas mobilizáronse nest...

Onte varias esfeiras estivemos na manifestación en Palas de Rei, convocada pola Plataforma Ulloa Viva, contra a instalación dunha fábrica de celulosa por parte dunha empresa portuguesa, Altri, con outras socias. Case 20.000 persoas mobilizáronse nesta pequena vila de Lugo.

O lema da manifestación, #AltriNon, non era un simple rexeitamento a unha fábrica de celulosa. Viuse unha sociedade civil que quere ser informada con transparencia, non infantilizada, que está farta de que uns poucos decidan o modelo socioeconómico para beneficio duns poucos. Este proceso é o “anti ben común” e, por iso, unha asociación como a nosa non pode deixar de facerse eco.


O proceso non promoveu a participación das persoas afectadas, nin sequera ten claro como vai afectalas (a elas, nin ao medio, con moitas dúbidas en canto a impactos medioambientais). É un exemplo de extractivismo onde se externalizan os impactos negativos pero non as gañancias e, de feito, a empresa Altri non é nova en malas prácticas extractivistas, con diversas multas (en Portugal non a quixeron por estes e outras razóns…). Tamén se ve o modelo “macroindustrial” que tanto gusta nalgúns ámbitos. 10 veces máis superficie que ENCE. Certo que a celulosa é precisa, pero fai falta semellante monstro?

Con respecto a iso, un elemento importante, ademais da opacidade deste proceso e o risco ambiental, coa connivencia das administracións públicas e os dous partidos maioritarios, é o modelo productivo e, por ende, territorial que implica impulsar unha fábrica como esta en Galicia. O monocultivo de eucalipto (como calquera outro monocultivo, aínda que para que sexa rentable a nivel industrial soe ser intensivo en recursos, sexa agroquímicos, terra ou ambas), é un problema grande en Galicia. Con este proxecto agravaríase a dependencia deste monocultivo. Hai diferentes modelos productivos, hai que ter claro por cal se aposta. En ESF falamos de soberanía alimentaria, o pequeno e adaptado á nosa contorna, e participación co-responsable das persoas nos territorios, todo o contrario deste modelo que queren seguir impulsando. Estamos en contro do eucalipto e a industria? Non, pero parece que non sabemos medirnos cando atopamos unha materia prima aparentemente “rentable”. A acumulación de cartos pasa por riba de calquera outra consideración, non é?

Tamén queremos chamar a atención sobre a manipulación dos medios de comunicación e o seu aliñamento co poder. Non é nada que non soubésemos, pero cómpre sempre telo na mente se queremos unha cidadanía crítica para poder exercer, como din en Centroamérica, un ¨monitoreo social” forte, moi saudable para a democracia.

Para coñecer máis deste conflicto recomendamos este audiovisual, Altri: a sede insostible, de 25 minutiños, que quixemos apoiar dende Enxeñería Sen Fronteiras xunto con outras plataformas e organizacións e, sobre todo, o traballo de xornalismo activista das compas Elena e Pablo, de Xarda e O Salto.

Esperamos, dentro do proxecto Mulleres Bravas, apoiar á Plataforma (que conta con moita colaboración cidadá e moitas mulleres en primera liña, pero fai falta todo o apoio posible), con vindeiras formacións sobre Comunicación de Guerrilla.

Temos unha exposición está dispoñible para as escolas universitarias, centros de secundaria ou organizacións de todo tipo. As nosas compañeiras de ESF Catalunya no seu día fixeran unha exposición sobre as compoñentes dos teléfonos móbiles, minerais d...

Temos unha exposición está dispoñible para as escolas universitarias, centros de secundaria ou organizacións de todo tipo.

As nosas compañeiras de ESF Catalunya no seu día fixeran unha exposición sobre as compoñentes dos teléfonos móbiles, minerais dentro de cada compoñente, a súa procedencia e os conflictos na súa extracción. Hai uns meses, actualizárona, e moi amablemente nola cederon para que fixeramos unha versión en galego e poder tela xirando por Galicia. Esta temática entra dentro da liña de traballo que temos en TIC, neste caso na parte máis vinculada ao consumo responsable de tecnoloxía e a electrónica ética, sempre con ese enfoque de consciencia dos impactos do noso consumo noutros lugares (como parte do que se chama educación para a cidadanía global).

Dende o día 7 de maio está na Escola de Camiños da Universidade da Coruña (escola onde temos a nosa oficina central, de aí que teña moito sentido empezar por ela), no vestíbulo.

Esta versión en galego está realizada dentro do proxecto para levar distintos aspectos da Tecnoloxía para o Ben Común ás escolas técnicas das universidades públicas galegas, financiado pola Cooperación Galega da Xunta de Galicia, e tamén con fondos IRPF (da casiña solidaria).

Aquí se pode ver a exposición en versión dixital.

Pódese solicitar en info[arroba]galicia.isf.es, con especial prioridade para escolas técnicas universitarias, centros de secundaria ou organizacións profesionais técnicas. Pero, se hai dispoñibilidade, está aberta a todo o mundo.

A forman 3 roll-ups lixeiros, fáciles de transportar e de montar. Queremos nun futuro próximo complementala cunha maqueta dun móbil, que sexa desmontable e se vexan as compoñentes (posiblemente en cartón ou algún material reutilizado).