Pois van xa tres semanas que ando por aquí por Honduras e, como tal, superado o ecuador do que vai ser a miña estadía aquí. Non me explico que o tempo se escape tan rápido… Agás pola canícula, cunha sensación térmica que por momentos me deixa K.O., a...

Pois van xa tres semanas que ando por aquí por Honduras e, como tal, superado o ecuador do que vai ser a miña estadía aquí. Non me explico que o tempo se escape tan rápido… Agás pola canícula, cunha sensación térmica que por momentos me deixa K.O., a experiencia ata o momento está sendo moi positiva.

Onte deron comezo oficial as festas patronais na honra de San Lorenzo, se ben xa ao longo da semana se sentían os preparativos e se empezaba a ver un ambiente máis animado. Hai postos de comida e artesanía, tómbolas, atraccións, máis música da xa habitual, bombas e gran afluencia de xente. Duran toda a semana, culminando o vindeiro sábado co que chaman o gran carnaval; seica traen un montón de grupos musicais e fan a festa na rúa principal ao longo de todo o día.

Polo que respecta á rutina diaria, esta semana tiven de novo a oportunidade de acompañar ao persoal técnico de Coddeffagolf nalgunhas das súas actividades, o que me serve non só para coñecer máis polo miúdo os proxectos nos que están a traballar, senón tamén para achegarme á xente local e irme situando un pouco mellor na contorna de San Lorenzo.

O martes fun cos técnicos Víctor e Carlos ao CIM (Centro de Investigación Mariña), na Illa de Pacar, municipio de Amapala. Trátase dun pequeno illote situado xunto á Illa do Tigre á que chegamos en lancha dende o peirao de Coyolito. Se ben no Centro contan cun laboratorio no que se fan análises do estado das augas do Golfo de Fonseca, o propósito desta visita era a realización de inventario de materiais na aula divulgativa e o recoñecemento do estado das instalacións para a planificación de próximas actividades na illa, pois tiñan sufrido algún estrago a causa das últimas tormentas. Con este fin, percorremos tamén os sendeiros habilitados con paneis informativos sobre aspectos relevantes da zona, como o mangle, as tartarugas, o traballo marisqueiro ou as aves. Nun destes sendeiros levántase unha torre a xeito de mirador cunhas vistas espectaculares do golfo.

O mércores asistimos ao terceiro dos catro módulos do programa formativo de Habilidades para la Vida, centrado desta volta na resolución de conflitos. Xa tiñamos participado no primeiro, polo que xa coñecíamos ás persoas asistentes, representantes dalgunhas comunidades rurais. Este tipo de obradoiros, destinados a reforzar a base comunitaria e mellorar a súa xestión diaria, encádrase dentro do proxecto de Mellora da Xestión Pública e Social para a Gobernanza dos recursos hídricos en varios municipios do Golfo, no que toma parte ESF. Persoalmente, gustoume moito integrarnos nos grupos de traballo e poder escoitar as achegas e vivencias de cada unha das nove persoas participantes. E é que coa escusa dos conflitos, falouse moito e de moitas cousas, como dos desencontros que se producen a diario nalgunhas xuntas de auga, da xestión das emocións nestas situacións e mesmo de conflitos a maior escala, como o da guerra entre El Salvador e Honduras no 1969 ou a actual guerra na Ucraína. Nestas sesións danse relatos moi duros e emocionantes, mais nunca falta unha boa dose de humor.

O certo é que o mércores foi un día bastante completo, pois logo do xantar, Juan e eu acompañamos ao técnico Carlos á Escola 15 de Septiembre, no barrio de Buenavista. Alí impartiu unha breve charla a alumnado de entre 9 e 12 anos sobre as áreas protexidas de Honduras, e máis concretamente, sobre a Baía de San Lorenzo, dentro do Proxecto de Apoio ao Plan Bianual de Áreas Protexidas da Zona Sur. Para a impartición destas actividades de concienciación ambiental, selecciónanse aquelas escolas que están máis próximas aos esteiros e zonas de mangle.

Xa xoves tivo lugar na cidade de Choluteca a Ecolecta, unha campaña de recollida de aparellos eléctricos e electrónicos en desuso, organizada por Coddeffagolf en colaboración con outras entidades. Ata alí acudiu alumnado de varios centros educativos do lugar a depositar os seus residuos, pasando boa parte da rapazada polo posto de Coddeffagolf, no que se dispuñan de diversos materiais lúdicos e divulgativos. Na presentación do acto interveu, entre outras persoas, o presidente da asociación Modesto Ochoa. Foi un gusto saudalo e conversar un ratiño con el, logo de telo coñecido na súa xira por Galiza un par de meses antes de viaxar eu aquí.

Malia que os venres non adoita haber saídas, esta semana si acompañei ao técnico Javier nunha visita de seguimento a varias comunidades rurais pola zona de El Laure, algunhas delas xa coñecidas das Escolas de Campo. Onde máis tempo nos detivemos foi en Los Piches, onde nos sentamos co grupo de mulleres para conversar e avaliar os pasos dados ata o momento (estado das contas, funcionamento interno do grupo, estado do reparto de plantas e evolución dos cultivos, etc). Con enfoque de xénero, nestas comunidades estase a traballar o empoderamento das mulleres, polo xeral relegadas ao traballo reprodutivo e de coidados, para así tratar de fomentar a súa autoorganización e capacidade emprendedora.

E para rematar ben a semana, a parte do equipo PCR con máis experiencia -Juan e Celia- planificaron irmos sábado ata a Illa do Tigre. É un sitio ben fermoso, do máis turístico que vin ata o momento aquí polo sur. Bañámonos en Playa Grande, a onde se ven chegar as lanchiñas co peixe fresco, e comemos a pé de praia na de Reinita, muller do grupo de marisqueiras coñecida por Juan e Celia das visitas con Coddeffagolf. Ofreceume un mixto de peixe chamado babosa con camaróns que estaba exquisito!

Para a semana máis 🙂

Benvidas ao Boletín de Agosto 2023. Se prefires a versión sonora, aquí tes o Boletín Sonoro! CONTIDOS VIDA ASOCIATIVA    En xullo, a pesar da época, houbo varias actividades. En Vigo, un par de Café Repair para argallar con ordenadores, no café Uf e...


Benvidas ao Boletín de Agosto 2023. Se prefires a versión sonora, aquí tes o Boletín Sonoro!

CONTIDOS

  • Vida Asociativa
  • Honduras
  • Mozambique
  • Enlaces de interese
  • Recomendación artística
  • E no próximo mes …
  • A ESFrase do mes

VIDA ASOCIATIVA

   En xullo, a pesar da época, houbo varias actividades. En Vigo, un par de Café Repair para argallar con ordenadores, no café Uf e tamén na Biblioteca Neira Vilas. En A Coruña, na Domus, tivo lugar o 4° taller de autodefensa dixital: “Como usar FreeBSD como sistema operativo no teu equipo”. Aquí se pode ver a presentación utilizada. Ademais, rematou o Curso de aplicacións informáticas e cacharreo con software libre, en colaboración con Ecos do Sur, dentro dun proxecto no que colaboramos coa financiación dos fondos IRPF (a casiña solidaria).

    Tivemos ademais moito traballo preparando dúas propostas de proxectos de educación, que se presentaron á Cooperación Galega da Xunta de Galicia para financiación. Foron a segunda fase do programa Mulleres Bravas, en colaboración con Amigas da Terra, e a segunda fase do programa de Tecnoloxía para o Ben Común nas Universidades, coa rede Artigo9Tech. Esperamos que se poidan seguir desenvolvendo!


HONDURAS

    En Honduras continúan Juan e Celia, participantes no Programa de Voluntariado Internacional de Coñecemento doutras Realidades. Temos crónicas tanto de Juan como de Celia, a quen se uniu a principios de mes Sofía, a terceira voluntaria, que participa na súa condición de profesora de tecnoloxía de ensino secundario, grazas ao programa Hackers Sen Fronteiras

    Ademais, celebrouse unha nova xornada de capacitación da escola Habilidades Para La Vida, dirixida aos consejos de microcuenca de Laure e Panasacaran, con CODDEFFAGOLF, dentro do programa de mellora da xestión comunitaria da auga con enfoque de cunca hidrográfica que financia a Xunta de Galicia.

    Nas resolución das convocatorias 2023 para proxectos de cooperación internacional da Xunta de Galicia, quedamos cun regusto agridoce. Acadouse financiación para un innovador proxecto de defensa da terra e o territorio, de restauración de lagoas de inverno. Pero o outro proxecto presentado, de mellora da xestión pública da auga, non foi valorado por erratas na parte burocrática da subsanación da solicitude. É lamentable que bos proxectos, e moi necesarios para manter os procesos construídos na zona, poidan quedar fóra por estas cousas… Por iso sempre se fala de que os procesos de desenvolvemento reais casan moi mal coa arquitectura das convocatorias públicas de financiación para a cooperación ao desenvolvemento, onde a burocracia ten un papel determinante.


MOZAMBIQUE

  En xullo tivemos aberto o proceso de selección de consultoría especializada en seca para seguir o traballo coas Administracións Rexionais da Auga do Norte e Sur, incorporando pouco a pouco ao traballo tamén á Centro. Recibíronse dúas candidaturas. Finalmente seguiremos o traballo con Manuel Álvarez, un experto con gran experiencia no programa, que xa leva varios anos colaborando no mesmo.


ENLACES DE INTERESE

Auga

Consumo responsable

Cooperación e ONGD

Educación para o desenvolvemento

Enerxía e cambio climático

Iniciativas

Investigación para o desenvolvemento 

Mundo

Pobreza e exclusión

Políticas e modelos de desenvolvemento

Soberanía alimentaria e defensa do territorio

Tecnoloxías da Información e Comunicacións (TIC)

Tecnoloxía para o desenvolvemento humano

Voluntariado e Persoas


RECOMENDACIÓN ARTÍSTICA

    Este mes recomendamos este artigo: Literaturas africanas para resetear la mente y el corazón. Trátase dunha selección de obras en castelán para coñecer mellor a realidade de África


E NO PRÓXIMO MES …

   Para máis info sobre cursos e eventos en Galicia  consulta a Axenda Solidaria e as formacións da Coordinadora Galega de ONGD


A ESF-RASE DO MES

    “A tecnoloxía non é nin boa nin mala, tampouco é neutral”

Melvin Kranzberg Jr