No marco do proxecto de marisqueo que financia Cooperación Galega da Xunta de Galicia, que desenvolvemos con CODDEFFAGOLF, en febreiro seguiron as reunións con axentes responsables da vixilancia e cumprimento da normativa ambiental nas zonas protexidas da rexión sur, especialmente nas áreas mariñas e costeiras. En proxectos anteriores, apoiárase a posta en marcha e articulación da Fuerza de Tarea Interinstitucional (FTIA), que ten a misión de vixilancia e seguimento de delitos ambientais no territorio. Despois dos cambios institucionais derivados da renovación do goberno tras as eleccións xerais de finais de 2021, procedía retomar o camiño para o fortalecemento deste espazo de articulación.
Neste proxecto é crucial o seguimento e protección das persoas que exercen a actividade marisqueira, especialmente en áreas protexidas, onde hai unha gran presión polo control dos recursos por parte de distintos sectores. É crucial protexer os medios de vida das familias pescadoras e mariscadoras, así como o seu dereito a extraer os recursos dunha forma sostible como o desenvolveron ata agora. O fortalecemento da FTIA, xunto coa mellora da aplicación SIROS, que permite o rexistro de incidencias ambientais a modo de denuncia social, de forma anónima, buscan en conxunto contribuír a garantir a seguridade no acceso aos recursos mariños e costeiros por parte das poboacións da zona.
A reunión comezou coas palabras de benvida a cargo de Nicia Sagastizado, seguida da presentación persoal dos membros das diferentes institucións presentes (SERNA Mi-Ambiente, DIGEPESCA, CODDEFFAGOLF, ICF). A continuación, realizouse unha pequena reseña histórica sobre o papel que desempeñou a FTIA por parte do director rexional de DIGEPESCA, Lorenzo Turcios, e o Sub-Director de CODDEFFAGOLF, Jose Ely Gutierrez. Seguido, o fiscal do MP, Héctor Paguada, compartiu cal é a axenda do MP ante a FTIA, ratificando o seu apoio aos debidos procesos, argumentando que se necesita vincular á DPI, Policía Nacional e ao Exército. A directora de SERNA expresou o seu compromiso coa articulación da FTIA, asegurando o compromiso da institución. O capitán Maradiaga da Fuerza Naval de Amapala, expresou o compromiso da Naval coa protección dos recursos naturais e do ambiente, resaltando a importancia da FTIA. Enrique Vega menciona que a FTIA xurdiu no Estado Maior Conxunto en Tegucigalpa, e foi ese ente quen designou ao MP como a institución responsable de liderar e coordinar as accións da FTIA. O capitán Daniel Andino de Marina Mercante tamén expresou o seu compromiso coa FTIA e propuxo que se remitiran algúns casos ao departamento de Protección do Medio Mariño da Dirección Xeral de Marina Mercante. A xornada rematou co abordaxe dos acordos e compromisos fixando unha data tentativa para a seguinte reunión.