Como peche da primeira fase do proxecto de Hackers Sen Fronteiras, organizaramos un concurso de iniciativas didácticas por parte de profesorado de centros de ensino secundario para achegar a tecnoloxía para o ben común á súa comunidade educativa. A iniciativa gañadora veu do IES Primeiro de Marzo de Baiona, dende o departamento de tecnoloxía.
O IES Primeiro de Marzo é un instituto que acolle alumnado dos concellos de Baiona e Oia, a maioría da contorna rural.
Este curso procedeuse á actualización da aula de informática. Os ordenadores antigos que se van substituír son o obxectivo deste proxecto. Retiraranse os que están fallando continuamente e sobre os que hai incidencias continuas cada certo tempo, aproveitándose os compoñentes que funcionen ben (memoria, fonte de alimentación, etc.). Algúns equipos prepararanse para a súa instalación nos departamentos que o necesiten e os equipos restantes serán prestados ou doados ao alumnado con necesidades ou asociacións sen ánimo de lucro da contorna.
Está previsto que o alumnado de Dixitalización de 4ºESO proceda ao cambio dos ordenadores vellos polos novos equipos, previa exposición dos tipos de conectores e portos existentes, disposición, ventilación e normas de coidado xeral. Procederá tamén á verificación do correcto funcionamento, actualización e instalación de software (que será libre).
As actividades a desenvolver serán:
- Reparación e actualización dos equipos
- Difusión interna e instalación no centro
- Difusión externa e préstamos
Deste xeito, búscase xerar un impacto social na comunidade impulsado dende o centro de ensino.