Dentro do programa de ESF no eido profesional e da economía social, unha das accións máis importantes é que a nosa base social vaia coñecendo iniciativas relevantes de tecnoloxía para o ben común e xestión comunitaria, onde a corresponsabilidade das...

Dentro do programa de ESF no eido profesional e da economía social, unha das accións máis importantes é que a nosa base social vaia coñecendo iniciativas relevantes de tecnoloxía para o ben común e xestión comunitaria, onde a corresponsabilidade das persoas ten moita relevancia. O pasado sábado 20 de setembro 2 persoas de ESF asistiron a Sentires do Monte. Aquí deixamos o que nos contaron!

Crónica por Jose González Nóvoa

O sábado fomos a unha actividade (Os Sentires do Monte) organizada pola Comunidade de montes veciñais en mancomún de Couso.

Foi un roteiro polos montes da comunidade, onde nos foron falando do que facían. Resumindo moito, o obxectivo comentaban que era que a xente sentise apego polos seus montes, máis alá de velos simplemente como unha fonte de ingresos económicos, escapando dese concepto productivista.

Teñen diferentes aproveitamentos do monte. Comezaron falándonos do impacto do eucalipto e do seu carácter pirófito. Por exemplo, comentábannos que cando o lume se acerca aos eucaliptos, o froito estoupa e lanza as sementes a ata 15 metros de distancia, lonxe do frente de lume para garantir que siga habendo eucaliptos. Tamén de que no interior ten cápsulas capaces de brotar incluso despois de que arda a árbore. Como aspectos negativos resaltaban o impacto que teñen sobre os acuiferos, resecándoos, e que cando hai lumes as súas cumes transmítenos rápidamente.

Leváronnos a ver unha zona onde tiñan plantados arandeiras. Os arandos téñense que recoller a man, e teñen un sistema de reparto 50/50, é dicir, calquera persoa pode ir recolectar arandos de balde, pero por cada kilo que colla, a metade é para a persoa e a outra metade para a comunidade. Faláronnos tamén do impacto positivo que ten incluso o feito de que veñan aves a comelos, en lugar de tapalos con redes e similares, xa que ao defecar propagan as sementes, e eses paxaros serven de alimento para outros máis grandes, coma os miñatos.

Despois tíñannos preparadas unhas sobreiras para que as plantaramos nós, e faláronnos da importancia dos anfibios presentes nas charcas, por exemplo co caso do mosquito tigre, xa que estes anfibios cómenlles as larvas e evitan que se extendan.

Un concepto que me pareceu moi curioso é o de “sementar a auga”. Pois básicamente, en zonas de pendente fan unhas zanxas perpendiculares á dirección de baixada da auga, e asi freana un pouco favorecendo que se infiltre na terra. Tamén nos falaron do concepto de comunidades de augas, e das ventaxas que ten para a veciñanza.

O xantar correu a cargo da comunidade de montes, con empanadas, viño, xabarín, infusións… E todo local!

Finalmente, leváronnos a ver os Petroglifo do Sobral e o Mirador do Viso, onde unhas nenas da comunidade de montes lles fixeron unha serie de preguntas a persoas comuneiras máis “veteranas”, por exemplo como era o colexio na súa época, como se divertían, como ligaban… Estivo moi simpático. E por últimos, a ritmo de charanga na casa veciñal 🙂

Toda esta semana tivemos a visita en Galicia de persoal técnico da nosa socia en Honduras CODDEFFAGOLF (aquí tivemos a Sach, Ely e Jorge), xunto a representantes da Dirección General de Pesca y Acuicultura de Honduras-DIGEPESCA (tivemos á Subdirector...

Toda esta semana tivemos a visita en Galicia de persoal técnico da nosa socia en Honduras CODDEFFAGOLF (aquí tivemos a Sach, Ely e Jorge), xunto a representantes da Dirección General de Pesca y Acuicultura de Honduras-DIGEPESCA (tivemos á Subdirectora a nivel nacional e ao coordinador de DIGEPESCA da Región Sur) e á Doctora Marroquín, da UNAH Campus Choluteca.

Estes días tiveron unha intensa axenda de intercambio de experiencias e coñecementos, no marco do programa de apoio ao marisqueo artesanal (proxecto Mellora da sustentabilidade da actividade marisqueira de grupos de mulleres no sur de Honduras, Fase 2), que desenvolvemos en Honduras dentro do eixo de traballo de soberanía alimentaria e defensa do territorio, co financiamento de Cooperación Galega da Xunta de Galicia, neste caso co apoio do Centro Tecnolóxico do Mar CETMAR, que organizaron a xira.

Tras unha longa viaxe e algo de descanso, puideron dar un paseiño por Vigo o domingo, onde visitaron o Museo do Mar xunto con persoas da nosa base social (coas que se reencontraron, xa que non hai tanto elas estiveran en Honduras no noso programa de coñecemento doutras realidades).


Empezaroun a axenda de traballo o luns na Consellería do Mar, específicamente a Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro e a Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Investigación Tecnolóxica, onde se reuniron con personal da administración pesqueira e coñeceron o papel institucional e as funcións relacionadas co ordenamento da actividade pesqueira e marisqueira en Galicia. Tamén tiveron a ocasión de falar coa Conselleira do Mar.

Asimesmo, tiveron espazo de diálogo co Director Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea e persoal da Subdirección Xeral de Cooperación Exterior, de quen depende Cooperación Galega.

O luns pola tarde, houbo tempo de encontro con persoas da nosa base social mentres visitaron Santiago de Compostela.

O martes foi o turno do proxecto GUIMATUR, onde coñeceron o proceso de posta en marcha da Ruta do Marisqueo: orixes, dificultades, sinerxias, colaboracións e as lecciones aprendidas.


O mércores foron ás instalacións de depuración Illas Cíes, e recorreron a lonxa e a plaza de abastos de Bueu, en Pontevedra, para coñecer de cerca o sistema de xestión, o cumprimento da trazabilidade e o etiquetado dos produtos que chegan ás consumidoras finais.

Houbo tempo tamén para ir mariscar coa confraría de Lourizán e intercambiar pareceres, así como unha sesión para intercambio de experiencias sobre a mortalidade de moluscos en Galicia y Honduras.

O venres, xa último día da visita, transcorreo na sede do CETMAR, pechando e avaliando a visita.

Falouse cunha persoa do Centro Oceanográfico da Coruña do Instituto Oceanográfico-CSIC e exploráronse posibles alianzas entre universidades e centros de investigación para valorar unha posible colaboración entre universidades galegas e hondureñas, orientada a reforzar a formación e a investigación vinculadas ao sector marisqueiro.

Por último, visibilizaronse liñas de traballo futuras e aprendizaxes da visita. Considerouse unha xira moi beneficiosa, desfacéndonse ideas preconcibidas e abríndonse novas posibilidades. Aprendeuse detalles do esforzo que implica o seguimento dos moluscos e o establecemento de cotas e tamaños de captura. Case cada día foron aparecendo persoas da nosa base social, para consolidar eses lazos entre Galicia e Honduras. Pensamos que este tipo de cooperación técnica (que, como non pode ser doutro xeito, acaba sendo máis que técnica), aproveitando o coñecemento de décadas en Galicia, é un luxo e tamén un xeito de apoio e mellora en Galicia e en Honduras para traballar unha relación de cooperación entre os pobos.