CONTIDOS VIDA ASOCIATIVA    O mes de xaneiro arrincou tranquilo tralo Nadal, pero foi collendo ritmo rapidamente e, dentro do programa Hackers Sen Fronteiras (onde traballamos nos centros de secundaria e FP), houbo unha formación sobre radio no IES Á...

CONTIDOS

  • Vida Asociativa
  • Honduras
  • Mozambique
  • Enlaces de interese
  • Recomendación artística
  • E proximamente …
  • A ESFrase do mes

VIDA ASOCIATIVA

   O mes de xaneiro arrincou tranquilo tralo Nadal, pero foi collendo ritmo rapidamente e, dentro do programa Hackers Sen Fronteiras (onde traballamos nos centros de secundaria e FP), houbo unha formación sobre radio no IES Ánxel Fole. Tamén tivemos a boa nova de que o proxecto gañador do II Concurso de Iniciativas Didácticas sobre Tecnoloxía para o Ben Común, resultou tamén gañador de nada menos que dun premio a nivel nacional polo Ministerio de Educación.

    No programa de Mulleres Bravas, preparando a vindeira visita de marzo, houbo tempo para a presentación dun programa de Aprendizaxe Servizo na Facultade de Psicoloxía da USC, no que se estará colaborando durante unhas semanas. Ademais, tivemos un encontro en liña para ir preparando a axenda cunha compañeira activista de Barracón Digital, de Honduras, que visitará no mes de abril a Galicia.

   Dentro do programa de ESF no eido profesional técnico e da economía social (ESFpro), tivemos un encontro de peche da fase 1, en liña, para pensar no futuro do programa, e coñecer os resultados da diagnose que fixemos en colaboración con AoPaso. Ademais, 2 persoas da base social de ESF asistiron o un encontro sobre estratexias económicas para aparatos electrónicos sostibles e dereito a reparar, no Castelo de Santa Cruz (Oleiros).

   Os bancos de reciclaxe botaron a andar tamén neste novo ano, co de Coruña organizando xa a finais de xaneiro o primeiro obradoiro de reparación colectiva do ano, desta volta na librería A Tobeira de Oza.

   En redes, asinamos un acordo marco entre Enxeñería Sen Fronteiras e a Fundación Galicia Verde, para realizar colaboracións no eido da soberanía alimentaria e a defensa do territorio. 

   Nun novo episodio de ESFRAdio, resumimos os boletíns dos pasados meses no Boletín Sonoro de Inverno. Na web, compartimos unha historia de violencia administrativa a cargo dunha empresa de telefonía, que nos compartiu un compañeiro da base social

    No programa de ESF na universidade, mantívose en xaneiro no vestíbulo da Escola de Enxeñería Industrial da UVigo a nosa exposición “Coñeces o teu móbil?” e, na Escola Técnica Superior de Enxeñería de Compostela, un grupo de estudantes colaboradores de ESF mantiveron os cartaces que, sobre temáticas de dereito á auga e outros, puxeran en distintos puntos da escola.

    Pechamos o mes cun encontro da nosa base social para falar sobre a importancia dos coidados no activismo, para o cal contamos cun grupo específico coñecido agarimosamente como “Equipo Pegamento”.


HONDURAS

    Despois do descanso de Nadal, arrancou o ano en Honduras no eixo de traballo de soberanía alimentaria e defensa do territorio planificando as vindeiras obras na restauración do sistema de lagoas de inverno, dentro do programa financiado por Cooperación Galega da Xunta de Galicia e a Agencia Española de Cooperación Internacional para el Desarrollo.


MOZAMBIQUE

No mes de xaneiro continuouse traballando na formación práctica para a realización de estudos de inundacións empregando o software IBER e no acompañamento na monitoria da seca. Neste mes houbo grandes inundacións en Mozambique con case 390.000 desprazados e 13 mortos. As inundacións afectaron a bacías de todo o país, nunha situación que pon de relevo, unha vez mais, a vulnerabilidade de Mozambique fronte este tipo de eventos -cuxa frecuencia esta a ser incrementada pro mor do cambio climático-, así como a importancia de fortalecer as Administración Rexionais da Auga de Mozambique na mellora das súas capacidades para modelizar e xestionar inundacións.


ENLACES DE INTERESE

Activismo e persoas

Auga

Consumo responsable

Cooperación e ONGD

Educación para o desenvolvemento

Enerxía e cambio climático

Vídeo de relatorio. The biggest carbon problem in a cold climate transformed into a regenerative solution. 1h 56min

Iniciativas

Investigación para o desenvolvemento 

Mundo

Pobreza e exclusión

Políticas e modelos de desenvolvemento

Soberanía alimentaria e defensa do territorio


Tecnoloxías da Información e Comunicacións (TIC)

Tecnoloxía para o desenvolvemento humano


RECOMENDACIÓN ARTÍSTICA

    Este mes: documental Todos somos Gaza, de Hernan Zin, e a canción asociada.


E PROXIMAMENTE …

    Temos un novo apartado na nosa páxina web, onde se pode ver a axenda de próximos eventos ESFeiros ou que nos parecen interesantes pola temática. Ademais:

   Para máis info sobre cursos e eventos en Galicia  consulta a Axenda Solidaria e as formacións da Coordinadora Galega de ONGD


A ESF-RASE DO MES

Se unha tecnoloxía sesgada viola os dereitos humanos, estamos fabando das consecuencias dun mal deseño. A tecnoloxía non é un destino divino nin unha forza da natureza. Se a deseñamos mal, temos que asumilo e debemos correxila.
Carissa Véliz

Levo sen sentir ansiedade no corpo dende que cheguei aquí. Será polos ritmos máis tranquilos, pensei nun comezo. E pode ser que iso tamén inflúa. Pero agora, co paso do tempo, decateime de que a diferenza non está tanto na velocidade á que se vive, s...

Levo sen sentir ansiedade no corpo dende que cheguei aquí. Será polos ritmos máis tranquilos, pensei nun comezo. E pode ser que iso tamén inflúa. Pero agora, co paso do tempo, decateime de que a diferenza non está tanto na velocidade á que se vive, senón no lugar que unha ocupa dentro desta realidade.

A medida que fun coñecendo máis de preto as historias que sosteñen este territorio, entendín que a calma das conversas e rutinas case nunca se traspasa aos corpos. Como van sentir acougo persoas que sosteñen incerteza diaria e que levan no corpo o peso da resistencia?

Nestas últimas semanas da miña estadía PCR tiven a sorte de poder sentarme a escoitar, con emoción nos ollos e gratitude na curva dos meus beizos, a persoas que agora admiro profundamente; auténticas referentes para min. Hai algo profundamente político en escoitar con calma. En deixar que a historia se conte ao seu propio ritmo.

APRENDÍN da man dalgunhas das fundadoras e fundadores de CODDEFFAGOLF. Persoas xa moi maiores que, coa súa memoria intacta e as súas peles marcadas por décadas de loita, ameazas e organización, manteñen unha aposta firme por defender un legado que segue en construción.

Puedo decir que estuvimos padeciendo miedo, estuvimos padeciendo a veces hambres, hemos llorado… Todos los promotores. Sol, desvelos, lágrimas por los compañeros muertos. Pero siempre nosotros nunca dijimos atrás. Lo enterraron.
Entiérrenlo y lo vamos a visitar después días y vamos a adelante. Nos reunimos tal día, y hasta que logramos el objetivo. A Dios gracias.
– Don Juan Ángel Ortiz

Os relatos, duros e honestos, que compartiron conmigo devolven á entidade a súa esencia como organización de base social; algo que se debe manter sempre presente. Esta foi unha das moitas ensinanzas que recibín de Modesto quen, coa súa xenerosidade e humildade, me acompañou ao longo de todo este proceso. Horas de conversa que xa forman parte do lugar ao que volver cando precise lembrar por que importa o colectivo.

VIVÍN uns días en La Flor, unha pequena comunidade pescadora golpeada pola contaminación das augas e polas prácticas extractivistas de grandes empresas. Abríronme as portas das súas casas e asembleas, compartiron todo -e máis- conmigo e fixéronme sentir parte, aínda sabendo que eu só estaba de paso.


Aproveitando a marea do roibén, preparamos coidadosamente os aparellos e lanzamos o cordel ao mar: un exercicio de responsabilidade e convivencia, un xogo de paciencia e supervivencia, unha aposta admirable por construír outro presente.


En Amapala, as marisqueiras organizadas en distintos grupos de mulleres tamén son mestras neste equilibrio. Con elas puiden ver de preto o proceso da sardiña (como se colle nos chiqueros e como se sala despois) e os monitoreos de bivalvos que levan realizando desde 2019, tras aquela gran mortalidade que arrasou curiles, ameixas, churrias e cascos de burro.
Para min o máis impactante non foi a técnica en si, se non poder achegarme ao coñecemento profundo que conteñen as súas mans; un saber e soberanía da que depende a vida de moitas comunidades.


XOGUEI con defensoras ambientais e lideresas comunitarias no II Encontro de Mulleres Bravas. Pouco antes de facer as maletas, tiven a oportunidade de organizar a segunda xuntanza das participantes do proxecto; o que resultou ser unha das vivencias máis bonitas da miña estadía.


Este encontro naceu coa vontade de crear de novo (por segundo ano consecutivo) un espazo de acorpamento e coidado, no que poder parar e sentirse sostidas. E así que o sentimos… Xogamos, falamos, rimos, debatemos e cantamos. Pero, sobre todo, recoñecéronse e valoráronse: mulleres que poñen o corpo na defensa da vida, con todo o que iso conleva.

Viñeron de territorios diversos e dispares entre si, e con historias de vida únicas e, malia iso, as loitas que comparten son enormes: as presións das grandes empresas (camaroneiras, mineiras, etc.), os sobornos e divisións dentro das propias comunidades, o machismo instaurado, a escasa vontade política para protexer os bens comúns, o avance do propio cambio climático, os residuos… E, entre todo iso, a carga invisible dos coidados.

Que estamos facendo, como institucións e como sociedades, para salvagardar as vidas das defensoras dos dereitos? Precísanse mecanismos reais de protección. Porque defender o territorio aquí implica expoñerse, asumir riscos e convivir co medo.


Nese mesmo espazo puxemos o coidado no centro. Detivémonos a pensar que lugar ocupa o autocoidado nas nosas vidas, que queremos que habite no noso espazo persoal, e no desafío de sosterse no colectivo sen desaparecer como individuos. Emerxeron preocupacións e cansancios acumulados, pero tamén afloraron e celebramos moitos logros e orgullos. E, rodeando todo o encontro, houbo moito amor. E cando estamos falando de loita, habitar estes termos, é dunha gran sabedoría.


Cando cheguei a Honduras escribín que aquí todo parecía ir máis amodo. Agora decátome de que a tensión é continua: as ameazas, o mar que cambia, a terra que se esgota, as decisións que outros toman dende lonxe pero que impactan. E entendo agora que o meu privilexio é tamén unha responsabilidade, para vivir, acorpar e acompañar sempre na loita.

Podes escoitar o consagrado Himno Mulleres Bravas, creado no primeiro encontro no 2024, cantado tamén nesta ocasión: aquí.