Este visor cartográfico, en permanente actualización e corrección, vén suplir a falta de información pública e accesible en Galicia sobre os sistemas de abastecemento municipais de auga potable. Foi feito en colaboración de Enxeñería Sen Fronteiras G...

Este visor cartográfico, en permanente actualización e corrección, vén suplir a falta de información pública e accesible en Galicia sobre os sistemas de abastecemento municipais de auga potable. Foi feito en colaboración de Enxeñería Sen Fronteiras Galicia, Ecoloxistas en Acción e o Laboratorio de Enxeñería Cartográfica da Universidade da Coruña.

Nel pódese consultar en formato de Sistema de Información Xeográfica o número de sistemas de abastecemento municipais que existen en cada concello e cómo se xestionan actualmente (público ou privado a través de concesión a empresa). Fornécese ademáis información sobre o volume de auga suministrado, que se contrasta co volume facturado polo Concello para obter un ratio de perdas no sistema, e tamén sobre os custos económicos para o Concello e consumidores. Toda a información para a realización do visor foi obtida con datos proporcionados polos concellos galegos.

Metodoloxía

Os concellos nos que non aparecen datos son dos que non se obtivo información a pesares de solicitala, xa que a partir de traballo de persoas voluntarias de Enxeñería Sen Fronteiras Galicia e Ecoloxistas en Acción se fixeron solicitudes en cada un dos rexistros telemáticos dos concellos galegos, un por un. Foise levando un rexistro das solicitudes realizadas, con número de expediente e data de presentación.

Nunha primeira etapa, tras esa solicitude directa en cada rexistro telemático municipal, só uns 20 concellos contestaron enviando os datos solicitados. Entón se realizou unha queixa á Valedoría do Pobo indicando os concellos que non contestaron pasados 4 meses. A partir dese momento foi cando se empezaron a obter máis respostas. Estas respostas os concellos as enviaban tanto vía email, como a través da Valedoría do Pobo ou no Notifica.gal. Nalgúns casos (en torno aos 20) indicaban que non lles constaba a solicitude, obrigándonos a enviarlles datos do expediente e data de presentación (o cal fainos resaltar como moitos concellos non teñen ben estruturada o subministro de información pública, sexa por falta de persoal, de protocolos axeitados ou simplemente por desidia). Nalgúns casos aínda se están enviando estes datos por non dar abasto, xa que se trata de traballo voluntario, non se contou con financiación para este traballo excepto un pequeno monto para desenvolver o Visor.

Aquí se pode coñecer máis sobre obstáculos atopados, ferramentas e aplicacións empregadas ou máis detalles de xestión dos datos.

Se se desexan os datos en bruto, pódense solicitar ao correo-e de contacto

Propostas de futuro

  • Realización de estudos e comparativas (empregando tamén a variable xeográfica)
  • Proposta de mantemento e actualización do sistema de información a nivel técnico e de gobernanza (como e quen manterá os datos e o sistema actualizado?). Opción de sistema online participativo empregando ferramentas como EMAPIC ou similares.
  • Ampliación do proxecto para incluir en cada concello o resto de sistemas de abastecemento existentes (probablemente traballando por número de persoas atendidas ou por % da poboación, que pode ser maior do 100% ao ser bastante habitual aldeas que conten con máis dun sistema de abastecemento, por exemplo veciñal e municipal). Para isto, a intención sería difundir o proxecto no territorio, para por unha banda crear incidencia social e por outra que a plataforma sexa un sistema vivo que permita achegas de todo o mundo, con validación posterior dos datos.
  • Afondamento en indicadores de aseguramento do Dereito Humano á Auga, tanto en concellos ou grupos de concellos, como a nivel de toda Galicia (en particular os que teñen que ver con acceso a información pública, a pobreza hídrica e a gobernanza).

Despois de levar case un mes instalado en Galicia, toca analizar as últimas semanas en San Lorenzo e a experiencia en si. Esta última crónica ía ser escrita durante o voo de volta, pero á hora de afrontar esa análise, non me vin capacitado para tal c...

Despois de levar case un mes instalado en Galicia, toca analizar as últimas semanas en San Lorenzo e a experiencia en si. Esta última crónica ía ser escrita durante o voo de volta, pero á hora de afrontar esa análise, non me vin capacitado para tal cousa. Recordo comezar a intentas escribir estas últimas verbas sobrevoando Cuba, mais non fun quen.

Os dous últimos mércores puidemos vivir as xornadas de Habilidades para a Vida que se impartían a diferentes comunidades coas que habitualmente CODDEFFAGOLF traballa da man principalmente da técnica Aminta. Ambos talleres foron impartidos nas oficinas de San Lorenzo, e permitiunos coñecer mellor a forma de vida e pensamento da xente que naceu, pertence e vai seguir loitando para que as súas comunidades se manteñan. Alén disto, puidemos ver como as comunidades se relacionan entre si, e o orgullosas que están de pertencer e compartir con outras as características da súa. A primeira das xornadas tiña como tema principal a resolución de conflitos, como sobrelevar os problemas que se xeran, o traballo da empatía coa outra parte e a convivencia; traballando temas como a diferenza entre os traballos feitos polas mulleres e polos homes, e a importancia social que se lle daba ós segundos en comparación coas primeiras. A segunda e peche de formación, tivo como eixo principal a política en xeral, como afecta ás diferentes comunidades non só a política nacional, senón a política propia da xente coa que compartes vida diaria, da familia ou do traballo, sendo conscientes de que é algo que vai moito máis aló do que de primeiras pensamos, e que ten que ver con absolutamente todo o que vivimos. A persoa coa que máis información compartín e que máis se abriu foi Dona Ana, unha muller empoderada, que sempre nos daba a súa opinión e forma de ver as cousas, que facía valer o seu traballo, a importancia que a familia tiña para ela e que, a pesar das desgracias que a vida nos pode proporcionar, temos que vivir e ser felices, superando e vendo o positivo das tantas cousas que vivimos ao longo da vida.

Tiven tamén a oportunidade de visitar, co técnico Carlos, unha das escolas de San Lorenzo, onde se impartiu unha capacitación a menos de educación primaria sobre o coidado do entorno no que vivimos e como isto afecta non só ao entorno, senón que a propia contaminación do entorno ten consecuencias directas sobre a economía da zona debido ao imparto no sector marisqueiro, nas colleitas e na propia saúde dos seres vivos. Tamén observamos as características de barrios menos céntricos da cidade, con menos servizos, e con niveis socioeconómicos máis baixos. Como sempre, o alumnado e profesorado do centro recibiunos coas brazos abertos e con todo o agradecemento pola charla e a visita.

Coa Técnica Nohelia puidemos formar parte da ECOlecta. Unha actividade na que podían participar diferentes colexios da zona de Choluteca, onde se recollían residuos electrónicos e electrodomésticos antigos. Foi unha feria moi parecida ao Recicla+ organizado pola mesma técnica semanas atrás.

Puiden tamén visitar con Sandra, o futuro laboratorio de análise de augas sa Secretaría de Saúde do Departamento de Valle, financiado pola Deputación da Coruña. Alí, antiguo laboratorio de SESAL que se adicaba ao análise de sal mariño e alimentos veterinarios reunímonos coa secretaria de saúde, Karina, e ensinounos as instalacións que hai, e as melloras que se deben facer para por en marcha este importante avance para a calidade de auga do país, e as melloras na vida da xente que a consume, xa que un dos principais problemas que se atopa na zona e en moitas comunidades son as complicacións renais que existen e poden ser debidos á calidade das augas que se consumen.

Con todo isto, tocou comezar a despedirse da xente coa que levaba compartindo vida xa dous meses, con todo o que iso conleva, unha mestura de emocións de despedida e de que existen moitas posibilidades de non volver ver a tantísima xente á que neste tempo lle colles moito cariño, de deixar atrás a un país que nos acolleu cos brazos abertos, que nos coidou como se formásemos parte das súas comunidades dende que nacemos, que me fixo coñecer e vivir a experiencia de vida máis forte que tiven ata o de agora, con gañas tamén de voltar á casa, ver a familia e amigos que xa comezas a botar en falta. Visitar por última vez Amapala e comer con Reinita, ir por última vez á Cabañita a tomar unha Salvavida e unhas tajaditas, comer o último xeado no Sarita da praza, as ultimas baleadas con aguacate para almorzar, o último paseo ao súper, ao mercado, á Galera, o último arroz frito, a piña e o queso crema… As conversas con Jessica mentres lavamos, as profundas reflexións, as grandes risas e tamén alguna lágrima con Celia e Sofía. Sandriña, a persoa responsable de que soubese da existencia desta aventura e que sempre estarei en debeda con ela. Todos e cada un dos técnicos de CODDEFFAGOLF, a cada persoa das comunidades, Lili e Mateo, Reinita, Dona Ana e as súas amigas, A Jesús, a persona que nos fixo coñecer tantos e tantos recunchos de Honduras, Gloria por coidarnos cando nos tocaba sesión de oficina e a toda a xente que coñecín, sen deixar a ninguén atrás. Por suposto tamén a ESF, a Paola, Serxio e Raquel e á xente que traballa para que isto sexa posible pero sobre todo para que a vida da xente mellore sempre, sen xerar nesa xente unha necesidade e unha dependencia, traballando dende a conciencia e moral de que o mellor que lle pode pasar ao mundo e que institucións como a nosa, da que xa me sinto parte, poida desaparecer nalgún momento, xa que iso significaría que o mundo cambiou para ben, deixando de ser necesarias.